O Centro de Transformación para pequenas producións sostibles de Cantoña inicia a formación de futuros usuarios

OurenseXa
As primeiras accións formativas capacitarán aos produtores na elaboración de conservas vexetais, froitas e verduras e produtos apícolas, que se elaborarán nas instalacións de Cantoña (Paderne de Allariz), nun proxecto da Deputación de Ourense que lidera o Inorde
Centro de Cantoña
19 Out 2024

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, comeza a formación dirixida aos futuros usuarios do Centro Colaborativo de Transformación para pequenas producións sostibles, situado na estación de ferrocarril de Cantoña (Paderne de Allariz), actividade formativa que lles capacitará para realizar producións relacionadas coas conservas vexetais, froitas, verduras ou produtos apícolas.

Estas actuacións enmárcanse no proxecto “Ecosistema de producións sostibles de alto valor engadido na provincia de Ourense”, que realiza o Inorde e que está financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, na convocatoria de axudas para o financiamento de proxectos innovadores para a transformación territorial.

Tres accións formativas

As primeiras accións formativas a desenvolver céntranse en hixiene e manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, e trazabilidade, documentación e cumprimentos de normas. Neste último curso, o alumnado poderá coñecer as normativas sanitarias para elaborar conservas vexetais artesanais e para o deseño do etiquetado, entre outros contidos que inclúen prácticas de elaboración de documentos para uso individual e colectivo no propio centro.

Os interesados en realizar estas accións formativas poden inscribirse tanto vía online como a través das oficinas do Inorde en Ourense (988 317 930) ou en Xinzo de Limia (988 317 946).

Centro colaborativo

Este centro enmárcase na estratexia provincial de impulso a producións sostibles de alto valor engadido que está a levar a cabo a Deputación de Ourense a través do Inorde. O centro contará cun espazo interior adaptado a tres diferentes liñas de produción, entre as que se atopan unha especializada en transformación de froitas e conservas vexetais, e outra de envasado do mel e produtos derivados das colmeas.

0.20557594299316