O Centro Dramático Galego presenta este venres en Ourense a obra ‘Manuela Rey is in da house’

OurenseXa
A representación busca recuperar a memoria desta actriz e escritora
presentacion-manuela-rey-ourense
Presentación do espectáculo ‘Manuela Rey is in da house’ en Ourense
13 May 2025

O Teatro Principal de Ourense acollerá este venres, 16 de maio, ás 20.00 horas, a representación da obra “Manuela Rey is in da house”, de Teatro do Noroeste – Centro Dramático Galego. O deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe na presentación do espectáculo. Estivo acompañado por Francisco Javier Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego e Olga Mojón, directora do teatro.

“Manuela Rey é a historia esquecida do teatro galego e portugués”, sinalan dende a compañía, que buscan coa representación da obra recuperar a memoria desta actriz e escritora.

Ao igual que sucedera na vida da propia Manuela Rey, o espectáculo emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Merce Castro, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga do Incipit-CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente.

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe.

⚙ Configurar cookies
0.1659939289093