O Centro Interxeracional de Ourense cumple cinco anos
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou que Galicia foi pioneira en unir nun mesmo equipamento servizos de atención a persoas maiores e nenos de 0 a 3 anos coa posta en marcha do Centro Interxeracional de Ourense, construído e financiado no seu día pola Fundación Amancio Ortega e pertencente á rede publica autonómica. Así o lembrou nos actos organizados para celebrar os cinco anos de actividade do centro de día e da escola infantil que comparten este espazo.
O xerente do Consorcio salientou que neste tempo o centro converteuse nun referente para o fomento do encontro entre maiores e pequenos, coa organización de actividades conxuntas que fomentan o envellecemento activo e saudable, así como a transmisión de coñecementos e valores.
Así mesmo, Perfecto Rodríguez fixo fincapé no feito de que nunha mesma infraestrutura se ofreza unha atención completa desde os primeiros anos de vida ata a madurez, ao tempo que se achega unha alternativa de conciliación para moitas familias. Tamén felicitou ao persoal do centro polo seu traballo, que permite prestar un servizo da máxima calidade.
Para conmemorar o quinto aniversario do centro programáronse xogos de experimentación, coa participación de nenos da escola infantil e lectura conxunta, un taller especial de cociña coa Asociación Down Ourense e outro de elaboración de xabóns artesanais coa Asociación Morea. A xornada festiva rematou cunha actuación musical.