O Centro Ourensán de Montevideo consolídase como exemplo de colaboración para a colectividade galega no Uruguai

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, visitou esta fin de semana o Centro Ourensán de Montevideo para coñecer a reforma integral realizada na súa sede grazas a un convenio coa Secretaría Xeral da Emigración.
A mellora das instalacións, a modernización dos espazos e a incorporación de nova tecnoloxía permitirán fortalecer as actividades culturais e sociais do centro, que comparte edificio coa Casa de Galicia e coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai, configurando así un punto de referencia para toda a colectividade galega na cidade.
Miranda destacou que esta reforma supón “un paso decisivo para fortalecer a cohesión da colectividade galega no Uruguai, mellorar a calidade das súas actividades e crear un espazo máis moderno, profesional e acolledor para as novas xeracións”. Tamén resaltou o valor do acordo entre as tres entidades, que combina cultura, emprendemento, identidade e vida comunitaria, e asegurou que a Xunta “seguirá apoiando este modelo de cooperación porque representa o futuro da galeguidade: máis unión, máis actividade e mellores espazos para seguir facendo país fóra de Galicia”.
Durante 2025, a Secretaría Xeral da Emigración apoiou a miles de galegos no Uruguai a través de programas como Conectas, Escolas Abertas, obradoiros culturais e axudas económicas individuais. Ademais, máis de 11 entidades da colectividade recibiron axudas directas da Xunta, cun investimento que supera os 500.000 euros, beneficiando indirectamente a centos de persoas e consolidando unha rede asociativa forte e preparada para os retos futuros.