O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar inaugura un Punto Violeta

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou este mércores o novo Punto Violeta permanente do centro penitenciario do Pereiro de Aguiar, que será, dixo, “un lugar de protección e información” para as vítimas de agresións machistas. Na visita estivo acompañado polo director do centro penitenciario, Francisco González.
Para poñer en marcha este Punto Violeta, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, Alida Iglesias, impartiu unha formación aos funcionarios do centro sobre os protocolos a seguir en calquera caso de violencia, que pode non ser só entre reclusos, pois os profesionais tamén poden atender a visitantes. Iglesias facilitou ao centro material informativo sobre a aplicación Alertcops, o centro de crise 24 horas e os Centros de Información á Muller (CIM).
Eladio Santos celebrou a implicación do centro penitenciario na loita contra a violencia sobre as mulleres, “unha lacra que non cesa e que na provincia de Ourense xa deixou unha vítima mortal este ano”. “É fundamental a implicación da toda a sociedade e o traballo coordinado das Administracións para perseguir a igualdade total”, subliñou.
Aínda que o persoal do centro xa está formado para atender calquera caso de violencia, o seguinte e último paso para poñer en marcha de forma oficial o Punto Violeta é a firma dun protocolo entre o centro penitenciario e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar á sociedade española na loita contra a violencia machista e estender masivamente a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Tamén busca achegar os servizo integrais ás vítimas a través da súa contorna.