O Centro Social de Rabo de Galo acolleu unha xornada sobre hábitos de vida saudable e novas tecnoloxías

O Centro Social de Rabo de Galo acolleu esta semana unha xornada sobre hábitos de vida saudable e novas tecnoloxías da man da traballadora social, Cristina Carballeira, e da terapeuta ocupacional, Xisela Delgado.
Ambas forman parte da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras da REGAPS, Rede Galega de Promoción da Saúde, un grupo de traballo do Servizo de Estilos de Vida Saudables que nace a partir do Plan de Obesidade Zero, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Este proxecto ten como obxectivo coordinar, potenciar e difundir os diferentes recursos, actividades e propostas relacionadas coa promoción dá saúde (actividade física, alimentación saudable, hixiene do sono e benestar emocional) a nivel comunitario , facendo partícipes a todos os axentes implicados como elementos fundamentais de redes comunitarias.
Nesta actividade presentouse a plataforma Sanidade Mediaverso, onde se poden atopar diversas ferramentas para fomentar hábitos saudables e a aplicación “En Movemento” que se desenvolve coas lentes de realidade virtual.