O CGIFP Eduardo Barreiros amosa o seu potencial no Congreso FP Innova 2025

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros cunha delegación de representantes dos departamentos educativos de diferentes gobernos autonómicos que se atopan en Galicia para participar no Congreso FP Innova 2025. “Queremos amosar aos compañeiros doutras comunidades o traballo que se está a realizar neste centro, que é unha referencia da I+D+i na FP en España”, destacou.
Tal e como explicou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, “no Eduardo Barreiros traballan da man centros e empresas en proxectos de innovación e investigación que teñen como obxectivo sumar forzas en prol do crecemento dos sectores punteiros da economía galega e da mellor formación posible”. “Esta colaboración público-privada contribúe a avanzar de xeito paralelo coas necesidades reais do tecido produtivo, ao tempo que redunda nunha maior inserción laboral dos alumnos da FP galega que participan nestas actividades”, salientou.
Os proxectos que se desenvolven neste momento no Centro Eduardo Barreiros afondan en cuestións como a recuperación sostible de auga residual, a mellora do aproveitamento do vehículo eléctrico ou a creación e deseño de xemelgos dixitais que permitan poñer en práctica procesos de manipulación totalmente automatizados.
Ademais, trabállase na posta en marcha de experiencias e produtos gastronómicos innovadores e na aplicación da intelixencia artificial na aprendizaxe de inglés nos ciclos formativos a través do proxecto Vetinen. Vocational training innovative english.
O Eduardo Barreiros desenvolveu tamén a nova aplicación virtual OPI Orienta, na que os estudantes poden consultar cun holograma adestrado con IA as posibilidades da FP para facilitar a súa orientación vocacional. A ferramenta preséntase estes días en FP Innova 2025 para, a continuación, incorporalo aos centros de cara ao proceso de matrícula.