O CGIFP Eduardo Barreiros rexistra a súa primeira patente

OurenseXa
Trátase dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais desenvolvido por alumnado e docentes do Centro Integrado Valentín Paz Andrade dentro do certame InnovaTech FP
patente-cgifp-eduardo-barreiros
5 Oct 2025

O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros rexistrou este sábado a súa primeira patente, “Netclean”, un sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais desenvolvido por alumnado e docentes do Centro Integrado Valentín Paz Andrade.

O proxecto xurdiu dentro do certame InnovaTech FP como resposta a un reto plantexado pola empresa Viaqua e está rexistrado como modelo de utilidade, o que permite aos seus creadores explotar a invención en exclusiva durante dez anos.

Na presentación, celebrada no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros de Ourense, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a relevancia deste logro, que cualificou como “un gran fito da FP galega, dos estudantes que crearon o proxecto, aos que felicito pola súa excelencia e, por suposto, deste centro que é o principal motor da vangarda asociada a estas ensinanzas”. Engadiu que “o Eduardo Barreiros ten as instalacións, o equipamento e o persoal necesarios para facer realidade este tipo de iniciativas, que parten de ideas moi ben formuladas desde os centros e que aquí atopan o ambiente idóneo para medrar e consolidarse”.

O prototipo, desenvolvido por catro estudantes baixo a coordinación do docente Carlos Lamela e co apoio da Área de Empreendemento do centro ourensán, combina un hidrotornillo para xerar enerxía cun sistema de autolimpeza de reixas e sensores de control remoto. A solución busca reducir custos e tarefas de mantemento, mellorar a eficiencia enerxética e anticipar posibles incidencias, contribuíndo á sustentabilidade.

Rodríguez tamén resaltou a importancia de InnovaTech FP porque, segundo dixo, “da man de empresas referentes nos seus sectores, propoñemos retos tecnolóxicos para impulsar a innovación e o emprendemento industrial entre o alumnado de FP”. Subliñou ademais que “a iniciativa está a ter unha gran acollida entre as empresas, que aprecian o potencial destas ensinanzas e confían na formación do seu alumnado para buscar solucións aos desafíos tecnolóxicos”, o que, nas súas palabras, “veñen a confirmar o excelente momento que vive a FP galega, cun novo récord histórico de matrícula, con 71.200 estudantes este curso”.

O conselleiro aproveitou a visita para reunirse co alumnado do CIFP A Carballeira de Ourense, gañador do reto de Viaqua na pasada edición do programa, que traballa nun proxecto de mantemento predictivo de equipos industriais mediante análise acústica con intelixencia artificial. Tamén avanzou que xa se prepara a terceira convocatoria de InnovaTech FP, da que en anteriores edicións xurdiron propostas como a empresa de calzado artesanal RQR, nacida en Castro de Rei.

Durante a súa intervención, Rodríguez puxo en valor ademais o crecemento da matrícula na provincia, que este curso suma 6.565 alumnos, un 5,1 % máis que o ano anterior.

Na súa visita, Román Rodríguez tamén se referiu á suba da matrícula de FP do 5,1% este curso na provincia de Ourense, con 6.565 matriculados, 321 alumnos máis que no pasado. Por áreas, a que máis medra é Valdeorras–Trives–Caldelas–Viana, un 7%, con 335 matriculados en total. Séguelle a área de Ourense, con 5.851 estudantes, un 5,4% máis. Pola súa banda, con 379 alumnos, a área de Verín–Limia–Baixa Limia mantense estable.

⚙ Configurar cookies
0.096962928771973