O CHUO celebrou a súa primeira Semana da Resucitación Cardiopulmonar

OurenseXa
O obxectivo desta iniciativa foi facilitar ao persoal de enfermería a súa actualización e capacitación nas técnicas de RCP levando a formación directamente ao seu propio lugar de traballo
chuo-semana-resucitacion-cardiopulmonar
27 Apr 2025

O Hospital Universitario de Ourense celebrou este días a súa primeira Semana da Resucitación Cardiopulmonar, iniciativa da Unidade de Formación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para facilitar ao persoal de enfermería a súa actualización e capacitación nas técnicas de RCP, e coñecemento do protocolo de emerxencias do centro, formándose directamente no seu propio lugar de traballo.

A iniciativa xurde do obxectivo de ampliar as posibilidades formativas, fora dos cursos e obradoiros que periodicamente se programan, inspirándose nos bos resultados, en canto a visibilidade e efectividade, do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar, que se celebra o 16 de outubro. A idea é converter este día mundial, en dúas semanas ao ano, unha en cada semestre para ampliar as posibilidades de participación, cun dobre propósito: formar ao persoal sanitario e dar visibilidade á importancia da rápida actuación ante unha parada cardíaca dentro do hospital.

Ao realizalo no propio lugar de traballo e non nunha aula, o persoal das diferentes plantas ou áreas de consultas, pode adaptar a súa aprendizaxe o seu entorno laboral, afondando os puntos clave dunha actuación no que cada segundo conta, repasando en tempo real a situación e funcionamento do equipamento e traballando en equipo, segundo o protocolo de emerxencias do Universitario de Ourense.

A responsabilidade docente recae no grupo de enfermeiras instrutoras de RCP, formado por catorce profesionais da Área Sanitaria de Ourense, ademais de persoal facultativo residente (MIR), que abordarán os seguintes contidos: identificación e alerta de paciente en parada cardiorespiratoria; Resucitación Cardiopulmonar e ventilación e por ultimo comunicación entre os integrantes do equipo.

⚙ Configurar cookies
0.16318607330322