O CHUO celebrou o Día Mundial do Piano con música nas unidades de críticos, reanimación e obstetricia

OurenseXa
O programa Música é Saúde Música é Saúde, impulsado polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cumpre dous anos grazas á colaboración da Fundación Dorzán
dia-mundial-dp-piano-chuo
30 Mar 2026

O Hospital Universitario de Ourense acolleu este domingo unha xornada especial con motivo do Día Mundial do Piano, unha iniciativa enmarcada no programa de humanización Música é Saúde, que busca achegar a música aos espazos asistenciais como ferramenta de benestar emocional para pacientes e profesionais.

A celebración, que coincide co día 88 do ano —en referencia ás 88 teclas do piano—, desenvolveuse en diferentes unidades do hospital, levando a música a algúns dos ámbitos máis sensibles da atención sanitaria. As actuacións tiveron lugar nas unidades de críticos, concretamente na Unidade de Coidados Intensivos e na Unidade de Reanimación, así como na unidade de Obstetricia, ampliando así o alcance desta iniciativa de humanización.

Na xornada participaron Antón Otero, médico do Servizo de Medicina Interna, Luis Humberto Cao, pianista voluntario, e Alejandro Aguiar, TCAE das unidades de críticos, quen contribuíron coas súas interpretacións a crear momentos de calma, emoción e acompañamento.

O programa Música é Saúde, impulsado polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cumpre xa dous anos en marcha grazas á colaboración da Fundación Dorzán, que doou un piano ao centro hospitalario. Desde entón, esta iniciativa consolidouse como unha aposta firme por integrar a cultura e a sensibilidade artística na atención sanitaria.

Con accións como esta, o Hospital Universitario de Ourense reafirma o seu compromiso cun modelo de atención máis humano, no que a música se converte nunha aliada fundamental para mellorar a experiencia hospitalaria e contribuír ao coidado integral das persoas.

0.10569095611572