O CHUO connmemora o Día Internacional do Neno Hospitalizado

Esta mañá o Hospital Universitario de Ourense e o Espazo +60 Afundación de Ourense realizaron un acto conmemorativo do Día do Neno Hospitalizado cunha acción solidaria. Voluntarias do Espazo +60 que participan no ‘Obradoiro solidario’ fixeron entrega de manguitos acolchados personalizados aos nenos e nenas hospitalizados. Son manguitos elaborados artesanalmente polas voluntarias con tecidos suaves e decorados con alegres estampados infantís. Están deseñados para axudar a que os pequenos pacientes non dobren o brazo por onde teñen colocada a vía intravenosa, facilitando así a administración da medicación e, ao mesmo tempo, achegando cor, alegría e calidez á súa estancia no hospital.
Trátase dun xesto solidario de apoio aos máis pequenos nun momento especialmente complicado que se suma ás demais iniciativas que o Espazo +60 Afundación de Ourense e o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras levan a cabo en colaboración, coma o mercado solidario que se celebrará o próximo día 27 de maio no complexo hospitalario. As voluntarias participantes no taller solidario do Espazo +60 Afundación de Ourense poñerán á venda produtos elaborados de maneira artesanal, como bolsos, carteiras ou manteis, para recadar fondos para o programa Carriño de Don Amable da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense.
Estas voluntarias tamén dedican tempo a elaborar almofadas para pacientes intervidas de cancro de mama, outra das iniciativas realizadas en conxunto co Hospital Universitario de Ourense. Trátase de almofadas con forma de corazón cunha V máis pronunciada do habitual para que encaixe perfectamente debaixo do brazo e non se mova. Isto permite ás mulleres mitigar a dor do postoperatorio. Esta iniciativa naceu en 2001 en Estados Unidos por parte dunha enfermeira que descubriu, na súa propia experiencia como paciente, que este deseño axuda a paliar as dores postoperatorias. Ademais, este agasallo traslada ás pacientes que non están soas e que outras persoas, aínda que non as coñezan, pensan nas súas necesidades.
O obradoiro solidario, promovido polo Espazo +60 de Afundación en Ourense desde 1999 coa participación de persoas socias, desenvólvese agora no marco do programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes