O CHUO e a Asociación Cultural Museiros de Ourense presentan o II Torneo Solidario de Mus

OurenseXa
Os beneficios desta cita, que terá lugar este sábado, irán destinados á Asociación de Familiares e Enfermos de Saúde Mental de Ourense (MOREA)
torneo-solidario-mus-ourense
Presentación do II Torneo Solidario de Mus de Ourense
10 Oct 2025

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, presentouse no Hospital Universitario de Ourense o II Torneo Solidario de Mus, unha iniciativa promovida polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, en colaboración coa Asociación Cultural Museiros de Ourense e Apetéceme. Este ano, o evento destinará toda a súa recadación á Asociación de Familiares e Enfermos de Saúde Mental de Ourense (MOREA).

O torneo celebrarase o sábado 18 de outubro, entre as 10:00 e as 22:30 horas, na cafetería de persoal do hospital (planta 0 do novo edificio de hospitalización). A inscrición, cun custo de 15 euros, xa está aberta a través da aplicación Mustotal, e a totalidade do importe recadado destinarase aos programas de axuda de MOREA. Ademais, habilitouse unha fila 0 para aquelas persoas que desexen colaborar mediante doazóns directas á conta da asociación.

Durante o acto de presentación, os organizadores lembraron o éxito da primeira edición, celebrada o pasado ano a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, que logrou reunir máis de 3.000 euros e contou con máis dun centenar de participantes.

O xerente de MOREA, Alfonso Díaz, agradeceu que o torneo se dedique este ano á entidade e subliñou que “cada iniciativa coma esta axuda a que os nosos programas de apoio, acompañamento e sensibilización poidan chegar a máis familias e persoas con enfermidade mental”. Tamén destacou o lema deste ano do Día Mundial da Saúde Mental, “Saúde Mental na Comunidade”, incidindo na importancia de promover a integración social das persoas afectadas. “Temos que empezar a vernos como o que somos: persoas con problemas, algunhas dificultades, como pode ter calquera, que non deberían impedir ser aceptados e convivir coa cidadanía con normalidade”, sinalou.

A responsable do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, puxo en valor a implicación dos Museiros e de Apetéceme, así como o espírito solidario dun torneo que “mantén o seu compromiso social unindo lecer e solidariedade”.

O presidente da Asociación Cultural Museiros de Ourense, Antonio Losada, lembrou a forte tradición da cidade neste xogo de cartas. “Os museiros de Ourense sempre teñen unha resposta excepcional ante causas solidarias, e nesta edición non esperamos nada menos”. A entidade, que conta con preto dun millar de socios e 48 equipos rexistrados, colabora activamente na organización do evento.

O II Torneo Solidario de Mus está aberto á participación de 72 parellas, e a inscrición permanecerá aberta ata o mesmo día da competición, reforzando así o seu carácter solidario e de convivencia arredor do xogo e da causa da saúde mental.

⚙ Configurar cookies
0.087233066558838