O CHUO inaugura o novo laboratorio de microbioloxía, o primeiro de Galicia automatizado e con intelixencia artificial

OurenseXa
As novas instalacións que mellorarán o procesamento de mostras, poderá realizar varias deteccións cunha única proba e reducirá posibles erros por contaminación manual
CHUO-Ourense
20 Jun 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resalta o avance do novo laboratorio de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, tanto en axilidade como en fiabilidade, que o sitúa como o primeiro de Galicia automatizado e con intelixencia artificial para o recoñecemento de imaxes de cultivos.

Gómez Caamaño, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo xerente da área sanitaria, Santiago Camba, visitou o laboratorio no edificio Santa María Nai no que a Xunta investiu máis de 6,3 millóns de euros en novo equipamento para, entre outras cousas, mellorar o procesamento de mostras biolóxicas.

O conselleiro de Sanidade remarcou outras das vantaxes do novo laboratorio, xa que permitirá facer varias deteccións cunha única proba e garantir a trazabilidade da mostra, co que se reducirán os posibles erros por contaminación manual.

Tamén dará acceso a imaxes cunha resolución que supera ata o microscopio máis preciso.
Gómez Caamaño incidiu no cambio do paradigma de traballo dos profesionais do laboratorio, composto por oito facultativos especialistas e 16 técnicos superiores, xa que cada mes procesan máis de 31.000 mostras programadas e urxentes e agora disporán de máis tempo para realizar as tarefas máis complexas. Deste xeito, a nova cadea robótica será a encargada dos traballos rutineiros.

Este laboratorio ten recentemente acreditada a docencia e conta co primeiro residente xa formándose no servizo.

Os novos equipos xa están instalados no laboratorio ourensán e, actualmente, están na fase de posta en marcha. Tal e como adiantou Gómez Caamaño, esta fase concluirá no terceiro trimestre do ano para que o laboratorio pase a estar plenamente operativo, robotizado, automatizado e con técnicas de intelixencia artificial.

Este novo investimento súmase ao proceso de renovación iniciado pola Xunta en 2021 coa reforma integral do laboratorio central do CHUO, por preto de 6 millóns de euros.

O laboratorio de microbioloxía, cunha superficie de 1.500 metros cadrados, recibiu numerosas visitas doutros hospitais pola súa organización. Conta cun sistema que permite procesar os tubos directamente desde o clasificador, reducindo os tempos de resposta nun 25 % na urxencia e nun 50 % na hospitalización.

Só no ano 2024 realizou máis de 7,5 millóns de determinacións, o 94 % delas na cadea robotizada.

⚙ Configurar cookies
0.1656289100647