O CHUO lidera a innovación na cirurxía de tiróide a nivel galego

OurenseXa
O hospital ourensán é o primeiro da comunidade en aplicar un sistema innovador de precisión na cirurxía de tiróide
tiroides-chuo
25 Nov 2025

O Hospital Universitario de Ourense (CHUO) converteuse no primeiro de Galicia en empregar un sistema innovador de precisión na cirurxía de tiróide, grazas a unha inversión de 108.000 euros para a adquisición do equipo “Fluobeam” de Fluoptics. Este dispositivo axuda aos cirurxiáns a identificar e protexer as glándulas paratiroides e os seus vasos sanguíneos durante a intervención, minimizando un dos riscos máis importantes destas operacións.

A cirurxía de tiróide, ou tiroidectomía, consiste na extirpación parcial ou total da glándula tiróide e realízase habitualmente en casos de nódulos sospeitosos ou malignos, bocio, hipertiroidismo resistente ou alteracións estruturais. En Ourense realízanse arredor de 155 intervencións ao ano, a metade delas por sospeita de cancro.

O novo sistema utiliza autofluorescencia en infravermello para localizar en tempo real as pequenas glándulas paratiroides, sen necesidade de contrastes adicionais, o que permite protexelas durante a cirurxía. Ademais, pode amosar a rede vascular mediante fluorescencia con verde de indocianina (ICG), axudando a preservar o rego sanguíneo e evitar complicacións como o hipoparatiroidismo, que obriga ao paciente a tomar medicación de por vida para controlar o calcio.

O coordinador da Unidade de Cirurxía Endócrina Cervical do hospital, Pedro Trillo, destacou que “o novo equipo súmase ao proceso continuo en prol da seguridade e precisión da cirurxía endócrina, xunto coa monitorización do nervio larínxeo, o bisturí ultrasónico, a ecografía de cordas vocais e o traballo multidisciplinar, o que sitúa ao hospital á vangarda na innovación”.

Pola súa banda, Santiago Camba, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, valorou que “con esta tecnoloxía poñemos ao servizo dos pacientes a capacidade de evitar complicacións como a hipocalcemia e reducir a necesidade de reintervencións, incluso en casos complexos”.

O sistema “Fluobeam” non só se empregará nas cirurxías de tiróide, senón que tamén pode aplicarse en intervencións oncolóxicas nas que sexa necesario asegurar a viabilidade vascular, como linfadenectomías, tumorectomías ou cirurxías de glándulas suprarrenais e parede abdominal.

A presentación desta nova tecnoloxía realizouse nunha sesión clínica no hospital, coa participación do equipo local e do experto nacional Pablo Moreno, xefe da Unidade de Cirurxía Endócrina do Hospital de Bellvitge, que leva empregando este sistema desde 2018 e sinalou que desde entón “non tivemos ningún caso de hipoparatiroidismo postoperatorio, o que mellora a calidade de vida dos pacientes e reduce as súas visitas ao hospital”.

⚙ Configurar cookies
0.25244808197021