O CHUO premiou as mellores postais de Nadal deste 2025

OurenseXa
O Hospital Universitario de Ourense entregou os premios do seu tradicional Concurso de Tarxetas de Nadal destinado a nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, que recibiron os seus agasallos
concurso-tarxetas-nadal-chuo
25 Dec 2025

O Hospital Universitario de Ourense entregou esta semana os premios do Concurso de Tarxetas de Nadal, unha iniciativa dirixida aos nenos e nenas das familias dos traballadores do hospital e dos centros de saúde da súa área. Esta convocatoria, tradicional tamén nos distritos sanitarios de Valdeorras e Verín, xa entregou os seus galardóns a semana pasada.

O concurso está pensado para rapaces de entre 3 e 15 anos, distribuídos en categorías, e o único requisito para participar era que os debuxos reflectisen o traballo dos profesionais da sanidade pública.

Como xurado participaron este ano representantes das asociacións Down Ourense, Por eles TEA e Tourette Galicia, xunto coa coordinadora de Cruz Vermella Xuventude, responsable do programa de voluntariado da Escola de Pediatría.

Na categoría de 1 a 4 anos, o primeiro premio recaeu en Sofía Blanco de Moura, o segundo, en Lucas Carnero Quintela; e o terceiro, en Vega Garzón Guitería. Pola súa banda, na categoría de 5 a 9 anos, os premiados foron Helena López Fuentes (1º), Iago González López (2º) e Alba Alonso Miranda (3º). Finalmente, na categoría de 10 a 15 anos, o primeiro premio foi para Daniela Doval Pérez, o segundo para Inés Rodríguez Laso e o terceiro para David Núñez Salgado.

Os gañadores recibiron un agasallo e un diploma acreditativo. Ademais, as tarxetas seleccionadas formarán parte dunha exposición durante as festas de Nadal e serán utilizadas para felicitar estas datas nas redes sociais.
O acto contou coa actuación do mago José Rivera, colaborador das Fundacións Abracadabra e Inocente, Inocente, que achegan maxia e ilusión aos nenos hospitalizados, ofrecéndolles un momento de alegría durante a súa estancia.

⚙ Configurar cookies
0.08214807510376