O CHUO reforza a prevención fronte ás agresións

O Hospital Universitario de Ourense acolleu este luns unha xornada formativa centrada na prevención da violencia no ámbito sanitario, unha iniciativa promovida polo Servizo Galego de Saúde no marco da estratexia autonómica para mellorar a protección dos profesionais da saúde.
O coloquio permitiu dar a coñecer a figura do Interlocutor Policial Sanitario, un referente para o persoal dos centros asistenciais en materia de asesoramento, formación e actuación preventiva ante posibles situacións de risco. Esta figura, impulsada polo Ministerio do Interior desde o ano 2017, ten como obxectivo reducir as agresións e mellorar a seguridade a través da coordinación entre administracións e do fomento da denuncia.
Na sesión participaron preto dun cento de profesionais do hospital e contou coa intervención de Manuel Tesouro González, Interlocutor Policial Sanitario Territorial da Policía Nacional, xunto co subdirector de Recursos Humanos da área sanitaria, Eduardo González Gil, e a coordinadora de violencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, María Lúgaro Seco.
Como complemento á xornada, o vestíbulo do hospital acolleu unha mesa informativa dirixida a resolver dúbidas do persoal sobre os recursos dispoñibles ante situacións de violencia, unha iniciativa que espertou un notable interese entre os traballadores do centro e á que se sumou o xerente da área sanitaria, Santiago Camba Bouzas.
Durante o encontro tamén se presentaron ferramentas específicas de protección, como a aplicación ALERTCOPS, que permite alertar de xeito discreto ás forzas de seguridade mediante un botón SOS para profesionais sanitarios, e a plataforma “Acude”, un sistema de aviso inmediato desde ordenadores ou dispositivos móbiles que foi probado inicialmente no propio CHUO antes da súa extensión ao conxunto do Sergas.