O CHUO rende homenaxe a María José Remigio Lorenzo tras máis de catro décadas dedicadas ao Servizo de Nefroloxía

OurenseXa
Grazas á súa traxectoria, a maior parte delas na área de diálise, Remilgo converteuse nunha figura de referencia dentro deste servizo na provincia
homenaxe-nefro-chuo
29 Mar 2026

O Servizo de Nefroloxía de Ourense rendeu unha emotiva homenaxe a María José Remigio Lorenzo con motivo da súa xubilación, tras máis de catro décadas de dedicación á enfermaría, a maior parte delas na área de diálise, onde se converteu nunha figura de referencia tanto a nivel profesional como humano.

A despedida tivo lugar este 28 de marzo, cando compañeiros e compañeiras do propio servizo, profesionais doutras áreas e numerosos pacientes quixeron acompañala no seu último día. Á saída da unidade de diálise, protagonizaron un sentido corredor de despedida, “como mostra do agarimo e respecto que sementou ao longo dos anos”.

Natural do Carballiño, María José formouse na Escola de Enfermaría da Residencia Sanitaria e completou posteriormente a súa especialización en Psiquiatría na Universidade Complutense de Madrid. A súa traxectoria profesional quedou definitivamente ligada á nefroloxía a partir dos anos 80, cando obtivo praza fixa no servizo, no que desenvolveu practicamente toda a súa carreira. Dos seus 42 anos de exercicio, 40 estiveron centrados na unidade de diálise, pasando os dous últimos na área de diálise domiciliaria.

Ao longo deste tempo, foi testemuña directa dos avances na especialidade, desde técnicas máis limitadas ata os modelos actuais, cunha clara aposta pola innovación e a mellora da calidade de vida dos pacientes. A súa capacidade de adaptación e o compromiso constante co coidado marcaron unha traxectoria recoñecida dentro e fóra do hospital.

Ademais do seu labor asistencial, destacou pola súa implicación na formación de novas xeracións de profesionais, consolidándose como unha figura clave na diálise en Galicia. Neste sentido, a xefa actual do servizo, Cristina Pérez Melón, puxo en valor o seu legado ao sinalar que “María José é un referente para todas as enfermeiras novas e unha peza clave na formación en nefroloxía. O seu compromiso, a súa experiencia e a súa maneira de coidar aos pacientes deixan unha pegada que perdurará no servizo”.

Coa súa xubilación, péchase unha etapa marcada pola dedicación, a empatía e a excelencia profesional, deixando unha fonda pegada entre compañeiros e pacientes tras máis de corenta anos de servizo.

0.12492990493774