O ciclo ‘Entre formas e palabras’ levará a este sábado a Xunqueira de Espadanedo unha sesión centrada na danza

O Concello de Xunqueira de Espadanedo será mañá, sábado 2 de agosto, o escenario do terceiro encontro do ciclo de conversas ‘Entre formas e palabras’, unha iniciativa da Fundación Paideia Galiza e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Baixo o título Tecendo redes, a xornada desenvolverase ás 11:30 horas no Salón de Plenos do concello, no marco do Festival Danza no Claustro. O encontro porá o foco na importancia das redes de colaboración dentro do ámbito da danza contemporánea.
Participarán os coreógrafos e intérpretes Maruxa Salas e Erik Jiménez, da compañía SóLODOS, impulsores de proxectos como ‘SóLODOS en Danza, Danza no Claustro e Danza no Camiño’. A eles sumarase Natividad Buil, directora do Festival Trayectos, centrado na danza en contornas urbanas.
Ademais da conversa, o programa inclúe un showcase a cargo da bailarina e creadora Clara Ferrao Diz, cunha proposta que afonda na poesía do movemento. A sesión será moderada pola coreógrafa e xestora cultural Paula Quintas.