O CIFP A Carballeira gaña o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024

OurenseXa
O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 fíxose co galardón grazas ao seu traballo 'Viaxe polo metaverso con Luísa Villalt'
Captura de pantalla 2024-05-07 a las 13.57.16
O CIFP A Carballeira gaña o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024
7 May 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, entregou hoxe ao Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 sobre a figura da homenaxeada Luísa Villalta este 17 de maio, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial.

O traballo gañador, Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, destaca polo seu carácter innovador ao amosar a protagonista das Letras Galegas como un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades interactivas.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o valor deste proxecto pois “trátase dunha excelente exposición e guía para traballar co alumnado na sociedade actual, na que as tecnoloxías da comunicación están moi presentes no eido educativo, laboral e cotián”.

A exposición vai acompañada, ademais, dunha guía didáctica que orienta o percorrido polos carteis e contribúe ao coñecemento e divulgación de Luísa Villalta e da súa época, na que “colaboraron alumnos de oito ciclos formativos diferentes, ademais dun grupo de profesores de distintas especialidades”, remarcou Judith Fernández.

O Concurso das Letras Galegas está organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fin de divulgar a figura e o legado da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. O certame, que se realiza todos os anos, conta con dúas modalidades: a correspondente a Educación Infantil e Primaria e a de Educación Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial.

Na modalidade de Infantil e Primaria fíxose este ano co galardón o Colexio CEIP Raquel Camacho da Coruña polo seu traballo Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar. Nel destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recurso diversos.

As exposicións e guías dos dous traballos gañadores nesta edición do concurso chegarán a case 2.000 puntos de destino e están dispoñibles en versión dixital no Portal da Lingua Galega.
0.15087604522705