O CIFP Vilamarín celebrou a primeira edición dos premios ‘Toxiño D’Ouro’

OurenseXa
Os galardóns recoñecen as mellores iniciativas nas ensinanzas de hostalaría
toxiños-douro-cifp-vilamarin
Entrega dos premios 'Toxiños d'Ouro' no CIFP Vilamarín
27 Feb 2025

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron este mércores na entrega da primeira edición dos Premios Toxiño D’Ouro, cos que o Centro Integrado de FP Vilamarín recoñece ao alumnado, profesorado e persoal non docente de Hostalaría e turismo.

Os representantes da Xunta salientaron a importancia destas ensinanzas para o sector. “Os centros que imparten os ciclos desta familia profesional son canteira dos mellores establecementos hostaleiros de Galicia e funcionan, ademais, como motor de innovación e crecemento”, destacaron. Así mesmo, felicitaron o CIFP de Vilamarín por esta iniciativa e por ser un centro referente na FP e na profesionalización da hostalaría na nosa comunidade.

Ambos puxeron en valor este evento como unha gran oportunidade ”para que os estudantes adquiran competencias reais que serán fundamentais para o seu futuro laboral”. Non en balde o certame, organizado polo ciclo superior de Aloxamentos Turísticos do CIFP de Vilamarín, pretende converterse nunha ferramenta de avaliación práctica para o alumnado, ofrecéndolles a oportunidade de planificar e xestionar un evento real, en colaboración co Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros e con outros centros educativos, que se encargaron da maquillaxe, música, gravación e servizo de comida do evento.

Os Premios Toxiño D’Ouro recoñecen os mellores proxectos, traxectorias e iniciativas no ámbito da gastronomía, a sala e a xestión hoteleira, consolidándose como un referente na formación profesional galega.

Premiados

  • Alma máis viaxeira (Turismo): Stephany Iglesias Granadillo (alumna de Xestión de aloxamentos turísticos)
  • Heroe do servizo impecable (Servizos en restauración): Álvaro García-Boente (alumno de Dirección de servizos de restauración)
  • Alquimista dos sabores (Cociña): Jacobo Leira Pintos (alumno de Cociña e gastronomía)
  • Mago da masa (Panadaría e pastelaría): Nerea Carballo García (alumna de Panadaría, repostaría e confeitaría)
  • Actitude Verde (Agraria): Carlota Suárez Medina (alumna de Dirección de cociña con oferta parcial de Produción agroecolóxica)
  • Frautista de Hamelín (Profesorado): David Cuñarro (Profesor de Cociña e pastelaría)
  • Alma positiva e colaboradora (Persoal non docente): Modesto (Intérprete de linguaxe de signos)
  • Honorífico 1: Isabel López Rodríguez (Profesora de Hostalaría e Turismo)
  • Honorífico 2: Xenxo Pereiro López (Profesor de Cociña e pastelaría)

Ademais da entrega de galardóns, a xornada incluíu demostracións culinarias, relatorios de expertos e diversas actividades que fomentaron o intercambio de coñecementos e experiencias entre os asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.45844912528992