O CIM da Mancomunidade Santa Águeda prepara unha semana chea de actividades para conmemorar o 25N

O Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Santa Águeda prepara unha semana de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Durante esa semana, o CIM realizará diferentes actividades nos centros educativos da mancomunidade para fomentar a igualdade, o respecto e a convivencia desde a infancia, co obxectivo de construír un futuro sen violencia.
O luns, os nenos e nenas do CEIP Antonio Faílde participarán nun contacontos sobre igualdade. O día 25, no mesmo centro, lerase un manifesto con motivo do 25N. O 26, a sesión de contacontos chegará ao CEIP Roberto Branco Torres de A Peroxa, e o 28 a actividade realizarase no CEIP Ramón Otero Pedrayo de Amoeiro.