O CIM de Pereiro de Aguiar presenta o seu programa de actividades de primavera-verán

OurenseXa
As actividades arrancaron oficialmente este domingo e desenvolveranse ata o mes de xuño.
cim-pereiro-de-aguiar-actividades
9 Mar 2026

O Centro de Información á Muller (CIM) de Pereiro de Aguiar presentou a súa programación de actividades para a primavera e o verán de 2026, centradas na igualdade, na prevención da violencia de xénero e no empoderamento das mulleres. As actividades comezaron este domingo 8 de marzo coa lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional da Muller.

O venres 13 de marzo terá lugar unha concentración ás 12:00 horas no Parque da Igualdade (Cachamuíña), na que participarán alumnos dos colexios Ben-Cho-Shey, Guillem Brown e Miraflores. Entre marzo e maio desenvolveranse obradoiros sobre sexo, amor e masculinidades, dirixidos por Xosé Cabido e Priscila Retamozo (Prisma) para os alumnos do Colexio Guillem Brown.

En abril celebrarase a IX Xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, cuxo obxectivo é coordinar a acción dos distintos axentes implicados na loita contra a violencia machista nos municipios que integran o CIM Padre Feijoo.

En maio impartirase un curso de autodefensa feminista a cargo de Cristy Tojo, con ampla experiencia en artes marciais e na formación en autodefensa feminista, destinado a reforzar a seguridade e a autonomía das mulleres fronte a situacións de violencia cotiá. Por último, entre maio e xuño terá lugar o espectáculo “Travesías”, de Raquel Queizás, dirixido aos alumnos do Colexio Guillem Brown e da aula Concilia do Concello.

0.083055973052979