O CIM de Pereiro recibiu máis de 66.000 euros para levar a cabo programas de igualdade

OurenseXa
O centro presta servizo a usuarias de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, A Teixeira e o propio Pereiro de Aguiar
manuel-pardo-visita-cim-pereiro
25 Nov 2025

O Centro de Información á Muller (CIM) Padre Feijóo, situado en Pereiro de Aguiar, recibiu unha achega superior aos 66.000 euros por parte da Consellería de Política Social e Igualdade para desenvolver programas destinados a ofrecer atención xurídica, psicolóxica e doutro tipo ás mulleres da súa contorna.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá as instalacións do CIM acompañado do alcalde, Luís Menor. O de Pereiro é un dos 17 centros beneficiados na última convocatoria de axudas autonómicas para a promoción da igualdade, que suman máis dun millón de euros. Este centro presta servizo a usuarias de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, A Teixeira e o propio Pereiro de Aguiar.

Durante a visita, Manuel Pardo salientou que esta liña de apoio forma parte do financiamento destinado á rede de 84 CIM de Galicia, que este ano ascendeu a 5 millóns de euros, un 13,6 % máis que en 2024. Estes fondos permiten cubrir gastos de persoal e reforzar un servizo no que traballan máis de 200 profesionais e que presta atención integral tanto ás mulleres como ás persoas LGTBI.

O delegado destacou tamén que este ano se incrementou a contía máxima das axudas para concellos que solicitan o financiamento de forma individual, pasando de 45.000 a 52.000 euros. No caso dos municipios que comparten a xestión, a contía máxima elévase a 120.000 euros.

Pardo subliñou que a loita contra a violencia de xénero debe asentarse en tres piares: “a tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade, e a atención especializada ás vítimas”. Ademais, avanzou que a Xunta seguirá reforzando a sensibilización, especialmente entre a mocidade. Nesa liña, lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade está a traballar na primeira Lei de violencia dixital de España, que busca establecer medidas de prevención, detección e sensibilización fronte ao acoso no ámbito dixital, con especial foco nas mulleres e noutros colectivos vulnerables.

⚙ Configurar cookies
0.073259830474854