O CIM do Pereiro de Aguiar organiza un amplo programa de actividades sobre igualdade ata o mes de xaneiro

OurenseXa
A iniciativa inclúe obradoiros, charlas e accións formativas centradas na igualdade e o benestar das mulleres
igualdade
5 Nov 2025

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello do Pereiro de Aguiar puxo en marcha o seu Programa de Actividades Outono–Inverno 2025, unha proposta que busca promover o benestar, a igualdade e a participación activa das mulleres do municipio.

A programación, aberta a todas as idades, combina obradoiros, charlas e actividades de lecer e formación, co obxectivo de crear un espazo de encontro, aprendizaxe e apoio que fomente o desenvolvemento persoal e comunitario.

As actividades comezaron en outubro cun curso de defensa persoal feminina, e continúan este mes de novembro cunha xornada de traballo da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero, que se celebrará en Parderrubias de Allariz. Ademais, o CIM mantén aberto ata o 17 de novembro o prazo de participación no Concurso de Debuxos do 25N, dirixido aos centros escolares.

Entre os actos máis destacados deste mes figura unha concentración conmemorativa polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebrará o propio día 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello do Pereiro de Aguiar.

O centro tamén desenvolverá unha acción formativa nos centros escolares baixo o título Pantallas Amigas, centrada na igualdade e na prevención da ciberdelincuencia machista.

Xa en decembro, o CIM organiza o espectáculo Na túa man, que terá lugar no Auditorio dos Gozos e estará dirixido ao alumnado dos centros educativos do municipio. Finalmente, en xaneiro e febreiro, impartirase un curso de educación afectivo-sexual, tamén destinado ao alumnado escolar.

⚙ Configurar cookies
0.079782009124756