O CIM móbil achegouse a Nogueira de Ramuín para sensibilizar á veciñanza en materia de igualdade

O CIM móbil da Xunta de Galicia achegouse este mércores a Nogueira de Ramuín para sensibilizar á veciñanza en materia de igualdade. Trátase dunha iniciativa á que se destinan 1,6 millóns de euros e que conta cun total de catro centros de información á muller móbiles que se desprazan polos concellos rurais e campus universitarios de toda Galicia.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Julio Carlos Temes, desprazouse a Nogueira de Ramuín para comprobar o funcionamento do servizo, que comezaron a funcionar o pasado 9 de febreiro percorrendo a xeografía ourensá, chegando a puntos nos que non hai recursos destas características, e así poñer o foco á hora de sensibilizar e concienciar á poboación para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres.
No pasado mes, estes servizos móbiles desprazáronse aos concellos de Melón, Rubiá, Castrelo de Miño e Xunqueira de Ambía, mentres que neste mes de marzo, ademais de Nogueira de Ramuín, achegaranse aos municipios dos Blancos, Baltar, Baños de Molgas, A Bola, Larouco, Os Blancos, Nogueira de Ramuín, Chandrexa de Queixa, Taboadela, Paderne de Allariz, Boborás, Trasmiras, Parada de Sil, Castro Caldelas, Castrelo de Miño e A Teixeira.
Estes servizos itinerantes están compostos por persoal profesional e especializado e en todos eles hai unha psicóloga e unha traballadora social, co obxectivo de achegar toda a información posible á poboación para que calquera persoa sexa un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero. Neste senso, destacou que estes recursos están abertos a toda a cidadanía que queira seguir aprendendo máis sobre a igualdade ou comprender aspectos relacionados co machismo ou os roles de xénero.