O Clínic de Baloncesto volve como cita de referencia na formación de adestradores

OurenseXa
A Deputación de Ourense, da man da Federación Galega de Baloncesto e a Escola Galega de Adestradores (EGA), presenta a XXIV edición deste evento que se celebrará os días 28, 29 e 30 de xuño no Pazo dos Deportes “Paco Paz”
Presentación do Clínic Baloncesto da Deputación
25 Jun 2024

A Deputación de Ourense, da man da Federación Galega de Baloncesto e a Escola Galega de Adestradores (EGA), recupera o seu Clínic de Baloncesto que se celebrará os días 28, 29 e 30 de xuño no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

A presentación deste evento tivo lugar este luns no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Deportes, César Fernández; o director técnico do Clínic e director da Escola Galega de Adestradores, Carlos Colinas; e a secretaria da Delegación de Ourense da Federación Galega de Baloncesto, María José Varela.

O Clínic volve coa XXIV edición para continuar a ser a cita de referencia na formación de técnicos de toda Galicia. Neste sentido, César Fernández lembrou que a Deputación leva “máis de 20 anos apostando por esta actividade que xa forma parte do calendario dos técnicos de Galicia que saben que teñen estes días en Ourense para formarse e para continuar a gozar do deporte”.

Pola súa parte, Carlos Colinas, ex-alumno do Clínic, explicou os detalles da programación desta edición que ofrece un “cartel á altura do que sempre foi cun escenario transversal de formación para os adestradores que inclúe un amplo abano de relatores, temas e perfís, que atraerán a numerosos adestradores de Galicia e do norte de España e Portugal”, dixo Carlos Colinas.

Programación do Clínic de Baloncesto 2024

A programación comezará o venres, 28 de xuño, a partir das 17.00 horas, co Observatorio aplicado ao Baloncesto sobre temáticas moi específicas que inclúe catro relatorios monográficos. Comezará Dani Miret con “Evolución de grupo en competicións FIBA: secretos de un oro”, Ramón Díaz centrará o seu observatorio online no “Desenvolvemento do talento enfocado ao alto rendemento”, Rubén Vieira falará da “Comunicación e interrelación do PF dentro do staff” e Antonio Pérez concluirá o observatorio con “Construír un equipo desde a cabeza de un adestrador”.

A partir do sábado, 29 de xuño, celebrarase o Clínic convencional en varias sesións con charlas prácticas en pista de reputados profesionais que se centrarán en diferentes temáticas. O sábado pola mañá, ás 10.00 horas, comezarase con Dani Miret que falará de “Calidade e esixencia: exercicios individuais de mellora”, Cristina Cantero coa charla sobre o “Xogo de tres: conectar espazos e decisións”, e Hugo López con “Equilibrio entre vantaxes e desvantaxes”.

Pola tarde, ás 17.00 horas, comezará Manuel Leyes, traumatólogo deportivo, que se centrará na realidade actual das lesións de xeonllo no baloncesto, e continuarán a xornada Antonio Pérez con “Da táctica á dirección: optimizar o xogo desde o “Pick and Roll”, e Jota Cuspinera que pechará esta xornada con “Spacing e solucións defensivas ante as vantaxes do pick and roll”.
Por último, o domingo a partir das 11.00 horas, será a última sesión desta edición, e estará protagonizada por Anna Montañana, seleccionadora de Gran Bretaña, quen falará de “Flow do xogo: transicións a partir dun xogador grande”, e por Jota Cuspinera que centrará a súa charla en “Ameaza en movemento: spacing e timing para un anotador”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19464802742004