O Club Ximnasia Burgas logra catro podios na XVIII Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática

OurenseXa
O conxunto ourensán brillou especialmente na categoría Junior Base, onde o trío formado por Aira García, Jimena Gómez e Miguel Valverde proclamouse campión.
club-ximnsia-burgas
23 Feb 2026

O Club Ximnasia Burgas asinou unha destacada actuación na XVIII edición da Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática, logrando catro importantes podios para Ourense nunha competición que reuniu case 300 ximnastas de clubs de Portugal, España e Galicia.

O conxunto ourensán destacou especialmente na categoría Junior Base, onde o trío formado por Aira García, Jimena Gómez e Miguel Valverde se proclamou campión, impoñéndose nunha categoría de gran nivel con 12 grupos en competición. Ademais do ouro na clasificación xeral, o equipo conseguiu o primeiro posto tanto no exercicio dinámico como no de equilibrio. No podio júnior, o Burgas Ourense ocupou a primeira posición, seguido polo Acroflyers Tenerife no segundo lugar e pola A. Académica Santarém (Portugal) no terceiro posto.

Tamén foi moi meritoria a medalla de prata acadada polo Trío Senior Base integrado por Claudia Pombar, Iria Do Nascimento e Yolanda García, nunha das categorías máis esixentes do campionato.

Na categoría de Parella Senior Base, o Burgas volveu subir ao máis alto do podio grazas ao ouro de Lucía Gómez e Anxo de la Iglesia. A prata na mesma categoría foi para Celia Torres e Marco Salvo, completando así unha excelente participación do club.

Con estes resultados, o Club Ximnasia Burgas asina un importante comezo de tempada. Máis alá dos podios, todos os equipos participantes acadaron notas destacadas, consolidando ao club como un dos referentes a nivel internacional, nacional e autonómico.

0.064404964447021