O Club Ximnasia Burgas logra seis podios no Campionato de España Élite celebrado en Ourense

O Club Ximnasia Burgas asinou unha excelente participación no Campionato de España de Ximnasia en Trampolín Élite, celebrado esta semana no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense, sumando un total de seis podios nas categorías individuais e por equipos.
A nivel individual, Melania Rodríguez proclamouse campioa de España en Dobre Minitramp Sénior, mentres que a súa compañeira Uxía Rodríguez logrou o título en categoría Júnior. Ademais, Marta López foi subcampioa en Dobre Minitramp Sénior, e a propia Uxía Rodríguez conseguiu tamén o terceiro posto en Tumbling.
Nos podios por equipos, o club foi subcampión de España en Trampolín, modalidade olímpica, con Melania Rodríguez, Alejandra Braña e Marta López. Tamén acadou o subcampionato en Dobre Minitramp, cun equipo formado por Melania Rodríguez, Marta López, Uxía Rodríguez, Paula Touza e Alejandra Braña.
Un dos momentos máis salientables foi o exercicio preliminar de Melania Rodríguez en trampolín absoluto, converténdose na primeira española en realizar tres triples mortais en competición.
Tamén se fixo unha mención especial ao ximnasta ourensán Daniel Pérez, que actualmente compite co Ximnasia Pontevedra e acadou o subcampionato de España Sénior.
Estes logros súmanse aos dez podios obtidos polo Burgas no Nacional de Base, celebrado os días anteriores, pechando unha semana de éxitos para o club ourensán.
Durante o evento, a Real Federación Española de Gimnasia (RFEG) rendeu unha homenaxe ao adestrador Pablo Hinojar, moi querido no club e falecido de forma repentina hai uns meses.