O Colexio de Xornalistas promove en Ourense un debate sobre a cobertura informativa dos incendios forestais

OurenseXa
Será o 18 de abril no Liceo e a asistencia será libre e gratuíta
incendio-forestal-galicia2
12 Apr 2026

O vindeiro sábado 18 de abril, o Liceo de Ourense acollerá unha mesa redonda centrada na información sobre os lumes forestais, unha das cuestións máis complexas para o xornalismo actual. A actividade está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e dará comezo ás 12:00 horas.

Baixo o título “Informar desde o lume. Xornalismo e incendios forestais”, o encontro reunirá profesionais de distintos medios de comunicación co obxectivo de compartir experiencias e reflexionar sobre o tratamento informativo destes sucesos. A sesión busca analizar os retos que supón informar sobre incendios, desde a necesidade de ofrecer datos precisos con rapidez ata a responsabilidade de respectar ás vítimas e evitar a desinformación. Tamén se abordarán cuestións relacionadas coa seguridade dos profesionais que traballan en condicións especialmente delicadas e os riscos asociados a este tipo de cobertura.

Ademais, a mesa redonda pretende servir como espazo de preparación ante a próxima tempada de maior risco de incendios forestais, fomentando o intercambio de boas prácticas e a reflexión sobre o papel dos medios tanto durante a emerxencia como nas análises posteriores. A asistencia ao acto será libre e gratuíta.

0.12733888626099