O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense súmase a unha campaña para visibilizar patoloxías linfovenosas e lipedema

OurenseXa
Baixo o lema ‘Recoñéceste?’, a iniciativa busca dar visibilidade entre a cidadanía a tres patoloxías crónicas que na actualidade aínda están moi pouco diagnosticadas: o linfedema, o lipedema e a insuficiencia venosa crónica
colexio-farmaceuticos-ourense
26 Jun 2025

Esta mañá, o Colexio Oficial de Farmacéuticos (COF) de Ourense presentou unha nova campaña, na que colabora coa Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Enfermidade Venosa Crónica (AGL) e coa Asociación Española de Afectados de Lipedema (ADALIPE).

Baixo o lema ‘Recoñéceste?’, a iniciativa ten como obxectivo achegar información e apoio á poboación ourensá, fomentando a súa capacidade para identificar os síntomas e impulsando o papel das farmacias como axentes de orientación e acompañamento para as persoas que os presenten.

Para iso, desde as farmacias de toda a provincia de Ourense promoverase o coñecemento destas patoloxías e o asesoramento farmacéutico. Así mesmo, o COF de Ourense pon á disposición das persoas interesadas diverso material didáctico na súa páxina web, co que se pretende axudar á cidadanía a identificar os síntomas, coñecer as diferenzas entre estas enfermidades e saber a onde acudir.

O acto de presentación da iniciativa, que tivo lugar hoxe na sede do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, contou coa participación do presidente do colexio, Santiago Leyes, e do seu vocal de Alimentación, Fernando Gil, así como da presidenta de ADALIPE, Alba González, e da delegada de AGL en Ourense, Concepción Crespo.

Segundo fontes do Colexio de Farmacéuticos, 1 de cada 3 persoas padecerá algunha destas tres patoloxías crónicas, que poden manifestarse mediante dor, sensación de pesadez incapacitante, inflamación, ou calambres. Ao tratarse de sensacións subxectivas, é habitual que se minimicen os síntomas e que se retarde a obtención dun diagnóstico. Por exemplo, no caso do lipedema, a acumulación de graxa nas extremidades inferiores adoita confundirse coa obesidade, polo que o asesoramento se centra erradamente na perda de peso.

A campaña pretende que sexan as propias persoas con síntomas as que conten coas ferramentas axeitadas para identificalos e acudan á farmacia. Os farmacéuticos poderán ofrecer un apoio informativo valioso e clave neste tipo de casos. Segundo ADALIPE, no caso das persoas máis novas o diagnóstico pode tardar entre 2 e 4 anos. En persoas maiores, son habituais os casos de ata 20 anos de espera e múltiples visitas a especialistas antes de obter un diagnóstico correcto.

O papel das farmacias, explican, non remata coa derivación dos casos a un médico para o seu diagnóstico, senón que, unha vez diagnosticados, os pacientes poderán atopar nos seus farmacéuticos unha orientación e acompañamento fundamentais no tratamento.

Desde o Colexio Oficial de Farmacéuticos destacan que existe un amplo abano de recursos sen receita, como compostos antiinflamatorios ou suplementos. O persoal farmacéutico está preparado para ofrecer opcións específicas, facer seguimento e detectar cales funcionan mellor en cada caso concreto.

⚙ Configurar cookies
0.17783188819885