O cómico Sergio Alba levará o seu novo espectáculo ao Liceo de Ourense

OurenseXa
Titulado ‘Dous rombos…pasa para a cama’, terá lugar o vindeiro 28 de maio
sergio-alba
Sergio Alba
21 Apr 2025

Logo do gran éxito acadado o pasado 17 de abril en Taboada, o comediante Sergio Alba levará ao Liceo de Ourense o seu novo espectáculo ‘Dous rombos…pasa para a cama’. O espectáculo, que terá lugar o 28 de maio, fará un guiño ao pasado, convidando ao público a revivir aqueles tempos de inocencia e transformación social, mesturando comedia e nostalxia, ao recrear unha época na que os recordos e as anécdotas se entrelazan coa risa e a reflexión.

Como di Alba, "é inevitable, co paso dos anos, botar a vista atrás e recoñecer que as mellores lembranzas veñen das nosas primeiras etapas da vida". Un tempo no que, ademais de fermosas lembranzas, tamén houbo moitas experiencias que quizais non recordamos con tanto orgullo, pero que desde o punto de vista do humor, se converten en momentos dignos de rir.

O espectáculo "Dous rombos…pasa para a cama" convida á reflexión e ao sorriso a través dunha mirada cómica aos tempos nos que a realidade se percibía de forma moi diferente, cando as casas estaban dominadas polas pantallas de televisión en branco e negro e as imposicións sociais eran ben distintas ás actuais. A transformación de todo iso, desde a chegada da cor á TV até o cambio de mentalidade dos 80 e 90, serve de fío condutor para as anécdotas e situacións cómicas que Alba presentará no escenario.

Para asistir a este show, os asistentes só necesitan estar dispostos a desconectar da rutina dixital e aceptar o reto de rir do "lado máis analóxico" da vida, recuperando esa esencia de tempos pasados que, a pesar das súas imperfeccións, deixan boas historias que contar.

⚙ Configurar cookies
0.16117286682129