O Comité de Memoria Histórica de Celanova lanza unha campaña para financiar o remate do Memorial da Poza das Ras

OurenseXa
O memorial, obra do artista Xoán Torres Cidre, homenaxeará a Julio González, Amadeo López Bello, Silvio Torres e Eloy Romero, asesinados neste lugar en 1936
memorial-pozaa-das-ras
27 Feb 2026

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova pon en marcha unha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar 1.500 euros para completar a peza que homenaxeará a Julio González, Amadeo López Bello, Silvio Torres e Eloy Romero, asasinados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936.

As persoas interesadas en colaborar poden facer doazóns de ata 40 euros a través dun ingreso na conta do Comité ou mediante transferencia por Bizum. As achegas poden realizarse na conta ES63 1550 0001 2200 2328 95 23 (Banca Ética Fiare) ou enviando un Bizum ao número 629 43 99 44.

Como agradecemento, as cincuenta primeiras persoas que acheguen 40 euros recibirán unha miniatura da peza orixinal, xa colocada no lugar de memoria. Tamén se aceptan doazóns inferiores a esa contía.

A Poza das Ras é o lugar á beira do río Ourille onde os catro homenaxeados foron executados por elementos sublevados contra a República en agosto de 1936 e expostos publicamente. O Comité e o Concello de Verea solicitaron ao Ministerio da Presidencia a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria, ao abeiro da Lei 20/2022.

O memorial, obra do artista Xoán Torres Cidre, descendente dun dos asasinados, buscará cubrir aproximadamente unha cuarta parte do custe da adecuación do espazo e da elaboración material da peza, dado que o artista realizou o traballo de xeito altruísta.
A intención do Comité, en acordo coas familias das vítimas, é inaugurar o memorial o próximo mes de agosto, mantendo paralelamente a investigación sobre a represión e as historias de Julio, Amadeo, Silvio e Eloy, especialmente en relación co cárcere de Celanova.

0.12747478485107