O Comité de Memoria Histórica de Celanova deu comezo ás Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española

OurenseXa
O investigador Carlos Babío, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, foi o encargado de inaugurar este ciclo que continuará os días 22 e 29 de novembro
xornadas-memoria
17 Nov 2025

O investigador e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío, inaugurou este sábado as Xornadas de Memoria Antifascista sobre A Transición Española, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O acto tivo no Salón de Arcos da Casa do Concello, onde Babío abordou a historia do Pazo de Meirás como símbolo da impunidade franquista desde a morte do ditador até ben entrado o século XXI. “Meirás, morto Franco, seguiu sendo un espazo de impunidade franquista até hai pouco”, lembrou o investigador, que advertiu que “ao Estado non lle quedou máis remedio que avanzar cara á normalización de Meirás como un lugar de memoria pola mobilización e investigación social”, aludindo ao compromiso do movemento memorialista galego.

Dende a morte de Franco e até o ano 2019, o Estado, dixo Babío, “non fixo nada”. O investigador explicou a situación actual deste pazo, insistindo en que “ a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, con Fernando Martínez á fronte, ten controlado os usos de Meirás deixando fóra á CRMH, impulsora da loita pola recuperación do Pazo nos últimos vinte anos, recollendo unha mobilización ben asentada na Coruña desde o tempo da Transición. O último episodio deste enfrontamento tivo lugar a principios de setembro, cando a Secretaría de Estado deu por caducado o expediente presentado pola CRMH para a declaración de Meirás como lugar de memoria e, inmediatamente, anunciou que o expediente sería tramitado de oficio polo Goberno e Fernando Martínez se presentou na Coruña para publicitar o anuncio”.

“Non aceptamos o relato falso sobre Meirás que se nos quere impor agora desde o Estado", subliñou Babío, autor do ensaio 'Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio' que serviu de base á demanda que logrou que a familia Franco tivese que devolver as chaves a finais de 2020.

O investigador estivo acompañado por Ruben Centeno, tamén membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, quen centrou a a súa intervención no papel do Cárcere da Coruña como espazo de represión política durante os anos da Transición.

Centeno explicou outras represións, máis alá das políticas, pero represións sociais ao fin, como a represión contra os homosexuais e os pobres. "Pasaron máis de 10.000 presas e presos por aquel cárcere, familias enteiras nos anos corenta que constituían a rede de apoio da guerrilla. Imos expediente a expediente, e aínda que resulta difícil acceder a determinados arquivos, estamos a documentar todas as represións, que a partir dos anos sesenta ten unha compoñente política moi marcada co foco na oposición antifranquista", avanzou Centeno. Ademais, alertou sobre o estado de conservación do edificio, próximo á ruína, para o que a CRMH tamén solicitou a declaración de lugar de memoria nun intento de intentar salvado do esquecemento.

"Negar ás vítimas a recuperación e a participación no futuro destes espazos supón unha nova revitimización, silencio sobre o silencio", reflexionaron Babío e Centeno, e informaron de que a CRMH está a traballar na localización de familias das 250 vítimas soterradas no cemiterio de Santo Amaro da Coruña así como das vítimas do cárcere da Coruña para, ben a través da Fiscalía de Memoria Democrática, ben a través da Querela Arxentina, encamiñar demandas por crimes de lesa humanidade.

As xornadas continuarán o vindeiro sábado, 22 de novembro, ás 11:45 horas no Auditorio Municipal (AMIC), as xornadas traerán de volta a figura de Celso Emilio Ferreiro á súa vila natal coa presentación do poemario O Cabronario, unha recompilación de textos antifascistas escritos entre 1950 e 1973, xunto con outra obra inédita do autor titulada Pido unha patria ao mundo.
O acto contará coa participación de Xabier Ferreiro, fillo do poeta e compilador dos libros, e Xabier Romero, director da Editorial Elvira, acompañados pola xornalista María Xosé Porteiro, o escritor Antonio G. Teijeiro e o crítico Ramón Nicolás.

Por último, o 29 de novembro, haberá unha dobre cita na Casa dos Poetas para pechar estas xornadas. Pola mañá, ás 11:45 horas, presentarase o libro colectivo A Transición na Galiza, publicado por Laiovento no 2023, unha obra de historiadores, xornalistas e antropólogos que ofrece unha visión ampla da política e da cultura galega durante aquel período, e que é tamén unha das últimas publicacións de Xusto Beramendi, falecido o pasado ano. A presentación correrá a cargo do historiador Francisco X. Redondo Abal, que falará sobre a persecución ideolóxica durante a Transición a través das actuacións do Tribunal de Orde Pública (TOP).

Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada “A Transición en Ourense”, coa participación de Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa, entre outros protagonistas daquela etapa histórica.

⚙ Configurar cookies
0.074482917785645