O Comité de Memoria Histórica de Celanova esixe protección inmediata da pintada “Adiante Semanario”

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova reclamou ao Concello da localidade e ás autoridades competentes medidas urxentes para protexer a pintada histórica “Adiante Semanario”, que resultou danada o pasado 6 de marzo. O presidente do Comité, Hixinio Araúxo, advertiu de que os feitos requiren “unha correcta avaliación dos danos e a identificación dos responsábeis e das súas responsabilidades”.
A pintada forma parte do patrimonio histórico e cultural de Celanova e vén sendo obxecto de avisos reiterados por parte do Comité desde o ano 2022. Nese ano, a corporación municipal tratou en pleno a necesidade de habilitar “de maneira urxente e inmediata un elemento de disuasión permanente e eficaz contra calquera actividade que dane a fachada do Mosteiro no punto no que se localiza a pintada ‘Adiante Semanario’, en canto elemento de singular valor histórico e cultural para a vila de Celanova”. A única actuación realizada ata o momento foi a colocación temporal dun cartel que, segundo o Comité, resultou insuficiente.
Durante 2023 e 2024, o colectivo continuou promovendo a protección deste elemento, incluíndo a medida nun decálogo de propostas para as eleccións municipais e consultando á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que recomendou realizar un inventariado e un estudo do seu estado de conservación. Ao longo de 2025 mantívose contacto co Concello para incluír os fondos necesarios nos orzamentos municipais, aínda que a protección definitiva da pintada non chegou a materializarse.
Tras o intento de borrado por parte dun traballador da produtora cinematográfica Vaca Films o 6 de marzo, a pintada degradouse considerablemente. O Comité denunciou os feitos de inmediato e solicitou unha reunión urxente co goberno municipal, que inicialmente foi fixada para o 16 de marzo. Pola súa banda, a produtora comprometeuse a explicar o sucedido e a detallar as medidas que adoptará.
O Comité de Memoria Histórica reclama ao Concello que habilite canto antes “o elemento de protección e alerta sobre o estado da pintada que considere oportuno” e que informe aos responsábeis de Patrimonio para que os técnicos poidan avaliar os danos. No caso de que o Concello non poida atender esta urxencia, o colectivo solicita que se permita a colocación dun cartel disuasorio e que se presente a correspondente denuncia diante das autoridades competentes.
A situación xerou preocupación entre a veciñanza de Celanova, que considera estes feitos desconcertantes e de difícil xustificación, mentres que o Comité asegura que continuará atento ata garantir a protección deste símbolo histórico.