O Comité de Memoria Histórica de Celanova homenaxeou a Celso Emilio nas Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española

OurenseXa
Xabier Ferreiro, fillo do poeta celanovés, presentou ‘O Cabronario’, unha selección de poemas antifranquistas en castelán, e ‘Pido unha patria ao mundo’, unha recompilación de textos inéditos
xornadas-memoria-celanova-ceelso-emilio
24 Nov 2025

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova organizou este sábado un acto dedicado a recuperar a voz máis combativa de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) e a súa loita antifranquista. Unha xornada na que o seu fillo, Xabier Ferreiro, deu a coñecer dúas publicacións recentes que rescatan a faceta social e política do autor celanovés.

Ferreiro presentou ‘O Cabronario’, unha selección de poemas antifranquistas en castelán, e ‘Pido unha patria ao mundo’, unha recompilación de textos inéditos. Durante o evento leéronse varios poemas nos que Celso Emilio denuncia a ditadura, a monarquía de Juan Carlos e o poder represivo da época.

A xornada contou coa participación do crítico literario Ramón Nicolás, do Premio Nacional de Literatura Antonio G. Teixeiro, e do dúo musical formado por Orisel Gaspar e Pedro Román, que interpretaron versións musicadas dalgúns poemas do autor.

O acto, que tivo lugar no Auditorio Ilduara, reuniu a preto de trinta asistentes, entre eles o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a tenente de alcalde, Teresa Barge, coa colaboración do Concello. Desde o Comité de Memoria Histórica sinalaron que a baixa asistencia responde tanto á apatía actual como ao feito de que a figura máis política de Celso Emilio segue a resultar incómoda para algúns sectores culturais do municipio, lembrando que quedaron atrás os tempos dos grandes homenaxes a este poeta e activista.

As actividades organizadas dentro das Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española continuarán o próximo sábado 29 de novembro na Casa dos Poetas con conferencias e unha mesa redonda con protagonistas ourensáns que abordarán as loitas populares durante a Transición.

⚙ Configurar cookies
0.0937659740448