Celanova acollerá unhas Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española

OurenseXa
O ciclo está organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e desenvolverase os días 15, 22 e 29 de novembro con conferencias, homenaxes e presentacións literarias
carcere-celanova
Antigo cárcere de Celanova
6 Nov 2025

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, coa colaboración do Concello de Celanova e da Fundación Curros Enríquez, organiza este mes de novembro un ciclo de conferencias e actividades baixo o título “Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española”, que se celebrará os días 15, 22 e 29 de novembro co obxectivo de reflexionar sobre a memoria democrática, a represión franquista e o papel de Galicia durante a Transición.

A primeira xornada, o sábado 15 de novembro, centrarase no Pazo de Meirás como símbolo de impunidade franquista e na loita social que permitiu a súa recuperación polo Estado no ano 2020. O investigador Carlos Babío, coautor do libro Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo, e o historiador Rubem Centeno, que traballa na historia da prisión da Coruña, serán os encargados de abrir o programa cunha conferencia no Salón de Arcos da Casa do Concello ás 11:45 horas.

Antes das conferencias, celebrarase unha homenaxe ás mulleres presas na antiga cadea de Celanova, documentada e sinalizada o pasado ano polo propio comité.

O sábado 22 de novembro, ás 11:45 horas no Auditorio Municipal (AMIC), as xornadas traerán de volta a figura de Celso Emilio Ferreiro á súa vila natal coa presentación do poemario O Cabronario, unha recompilación de textos antifascistas escritos entre 1950 e 1973, xunto con outra obra inédita do autor titulada Pido unha patria ao mundo.

O acto contará coa participación de Xabier Ferreiro, fillo do poeta e compilador dos libros, e Xabier Romero, director da Editorial Elvira, acompañados pola xornalista María Xosé Porteiro, o escritor Antonio G. Teijeiro e o crítico Ramón Nicolás.

As xornadas pecharanse o sábado 29 de novembro cunha dobre cita na Casa dos Poetas. Pola mañá, ás 11:45 horas, presentarase o libro colectivo A Transición na Galiza, publicado por Laiovento no 2023, unha obra de historiadores, xornalistas e antropólogos que ofrece unha visión ampla da política e da cultura galega durante aquel período, e que é tamén unha das últimas publicacións de Xusto Beramendi, falecido o pasado ano. A presentación correrá a cargo do historiador Francisco X. Redondo Abal, que falará sobre a persecución ideolóxica durante a Transición a través das actuacións do Tribunal de Orde Pública (TOP).

Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada “A Transición en Ourense”, coa participación de Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa, entre outros protagonistas daquela etapa histórica.

⚙ Configurar cookies
0.073639869689941