O Concello de Allariz mellorará a eficiencia enerxética das piscinas municipais

OurenseXa
Instalará unha nova cuberta e unha planta solar fotovoltaica
cuberta-piscina-municipal-allariz
17 Jul 2025

O Concello de Allariz vén de anunciar que mellorará a eficiencia enerxética das piscinas municipais a través de dúas actuacións que dende o equipo de goberno consideran que son “claves”.

Por unha banda, está en marcha a renovación da cuberta da piscina, coa colocación de novos paneis tipo sandwich de 30 mm que mellorarán o illamento térmico e a estanquidade do edificio. Esta mellora permitirá un maior confort nas instalacións deportivas e un aforro enerxético significativo. A actuación está cofinanciada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en colaboración co Concello de Vilar de Santos, ao abeiro da orde do 14 de xaneiro de 2025 para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

En paralelo, instalarase unha planta solar fotovoltaica de 50 kW para autoconsumo, que aproveitará a enerxía solar para reducir o consumo eléctrico da piscina. A instalación permitirá ademais verter á rede a enerxía sobrante, grazas ao sistema de compensación simplificada de excedentes. Esta iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Galicia 2021-2027. A actuación inclúe tamén a retirada e correcta xestión dos antigos paneis solares térmicos, que xa non están en funcionamento.

Estas dúas intervención, sinalan dende o Concello, “non só responde a necesidades técnicas, senón tamén ao compromiso político cun modelo de concello que poña no centro ás persoas, coidando tanto os espazos públicos como o medio ambiente”.

⚙ Configurar cookies
0.1661639213562