O Concello de Allariz mellorará a pavimentación na urbanización San Bieito

O Concello de Allariz vén de iniciar unha nova actuación na urbanización San Bieito centrada na pavimentación integral dos espazos públicos, dando continuidade ás melloras realizadas a comezos deste ano co renovado das beirarrúas e a posta en valor do parque infantil, onde se instalou un mural do artista Yoseba Muruzábal.
A intervención actual abrangue tanto a calzada como os accesos peonís, co obxectivo de corrixir problemas de firme, acumulación de auga e falta de accesibilidade, configurando unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns. O deseño incorpora materiais de alta calidade, como adoquíns tipo lastro románico envellecido, e melloras no mobiliario urbano, incluíndo bolardos, papeleiras, zonas de descanso e xardineiras decorativas en aceiro corten.
Tamén se prevé a creación dun espazo de lecer con céspede artificial, pensado como punto de encontro veciñal e área de descanso, favorecendo o uso público e a calidade ambiental do barrio.
Estas obras forman parte da estratexia do Concello de Allariz de mellorar os espazos públicos desde unha visión sostible e centrada nas persoas, consolidando o modelo de vila que aposta pola calidade de vida, o coidado do entorno urbano e o benestar da veciñanza.
A obra financiada polo plan cooperou da Deputación de Ourense ten un prazo estimado de execución de dous meses e a actuación afecta unha superficie de máis de 1.000 m².