O Concello de Allariz presenta a programación das Letras Galegas 2025

Este luns, o Concello de Allariz deu a coñecer a programación especial para o Día das Letras Galegas 2025, que este ano estará dedicada pola Real Academia Galega ás cantareiras e á poesía popular oral, realizando unha homenaxe colectiva a mulleres que foron transmisoras do patrimonio musical e cultural galego.
A presentación contou coa presenza da alcaldesa Cristina Cid, acompañada polos concelleiros Alberto Conde (Cultura), Iago Santás (Mocidade) e María López (Promoción Económica), quen subliñaron a importancia de promover o uso da lingua galega a través de iniciativas culturais abertas á participación de toda a veciñanza e destacaron "o papel esencial da cultura e da lingua galega como eixe da identidade".
A programación desenvolverase entre os días 16 e 18 de maio e incluirá unha ampla variedade de actividades culturais pensadas para todos os públicos.
O venres 16 de maio, a celebración comezará ás 21.30 horas na Praza Maior cunha noite de música tradicional e contemporánea, na que intervirán a Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, a agrupación Ukestra do Medio e o grupo Guezos, que ofrecerá un concerto que mestura folk e rock en galego.
O sábado 17 de maio, terá lugar o roteiro temático “No Día das Letras Galegas, percorremos Allariz da man dos seus escritores!”, unha actividade que invita a redescubrir a vila a través da súa relación cos escritores. O percorrido será guiado e sairá ás 12.00 horas desde a Oficina de Turismo, sendo necesario inscribirse previamente en turismo@xeitura.com. Ás 12.30 horas, no Iseo A Moura – Mercado da Reserva, celebrarase a sesión de contacontos “Se as árbores falasen”, unha proposta de narración oral pensada para público infantil e familiar. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, a música volverá ser protagonista co concerto da Unión Musical de Allariz, no marco do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
O domingo 18 de maio, a programación pecharase cunha proposta teatral dirixida ao público familiar: o espectáculo “Fala Fala Falangueira”, da compañía Matrioska Teatro, que se representará ás 18.30 horas na Casa da Cultura. A obra está recomendada para maiores de 7 anos e aborda a lingua galega desde o humor, a imaxinación e a reflexión crítica.
Con esta programación, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa defensa da lingua galega e co apoio á cultura local, apostando por unha celebración diversa que une tradición, creación contemporánea e participación cidadá.
Todas as actividades son de balde, agás o roteiro temático, que terá un custo de 2 euros ou 3 euros, dependendo de se se ten tarxeta cidadá ou non.