O Concello de Allariz rexeita a decisión da Xunta que desaconsella o baño na Acerraica e confirma a boa calidade da auga

Na mañá de hoxe Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, ofreceu unha rolda de prensa na Acearrica, acompañada por parte da corporación municipal do Concello de Allariz, onde manifestou o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de obrigar á colocación dun cartel que desaconsella o baño na área recreativa da Acearrica.
Esta medida está baseada en analíticas do ano 2012, referidas a un vertido puntual producido naquela data por unha avaría no bombeo da rede de saneamento por un corte na rede eléctrica, xa resolta hai anos.
Segundo a Xunta, esta actuación responde á aplicación dunha normativa europea, mais o Concello considera que a medida é burocrática, descontextualizada e sen base técnica actual, posto que as analíticas máis recentes, realizadas de forma recorrente polo propio Concello, a Concesionaria do servizo da auga (Espina Delfín) e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, confirman a boa calidade das augas da zona.
Todas estas analíticas foron realizadas en laboratorios homologados, no único laboratorio en Galicia certificado pola ENAC para este tipo de análises. Ademais, nas últimas semanas levouse a cabo unha secuencia completa de controis para garantir que a situación actual das augas é totalmente segura para o baño.
"A Xunta non realizou ningunha analítica neste punto desde o ano 2012, nin dispón de ningún dato recente que contradiga os resultados que temos nós", afirma o Concello, que cualifica de desproporcionada a obriga de sinalizar a zona como non apta para o baño baixo ameaza de sancións coercitivas.
Na área recreativa da Acearrica xa están expostos publicamente os informes técnicos e analíticos actualizados, accesibles para toda a veciñanza, incluíndo gráficas e documentos detallados que demostran a boa calidade da auga.
O Concello de Allariz quere deixar claro que cumpre cos seus deberes en materia de control e vixilancia ambiental, realizando analíticas regulares e colaborando con todas as administracións implicadas. Así mesmo, lamenta que a Xunta opte por aplicar unha normativa de forma ríxida e sen ter en conta a realidade actual nin os informes técnicos dispoñibles.
Por último, o Concello ponse á disposición de todos os veciños e veciñas para calquera aclaración, e reafirma o seu compromiso coa protección ambiental e coa transparencia na xestión dos recursos naturais do municipio.