O Concello de Allariz súmase á Rede de Cidades que Camiñan

OurenseXa
Esta alianza permitirá a elaboración de proxectos como o do metrominuto, co fin de promover a mobilidade urbana sostible
allariz-recurso
Imaxe aérea de Allariz
20 May 2025

O Concello de Allariz vén de adherirse á Rede de Cidades que Camiñan, unha asociación internacional sen ánimo de lucro aberta a entidades locais e outras administracións públicas, centrada en despregar políticas de mobilidade urbana nas que as persoas peonais sexan as protagonistas. Dentro desta perspectiva encádrase o concepto de “camiñabilidade”, entendido como a capacidade da poboación para se desprazar a pé polos diferentes espazos do territorio, poñendo o foco, por tanto, na accesibilidade e na seguridade dos vieiros municipais.

Un dos proxectos centrais que se levarán a cabo grazas á participación de Allariz na Rede será a elaboración dun metrominuto. Trátase dun mapa deseñado cos elementos visuais dos planos de metro, mais adaptado á realidade do noso concello. Así, o mapa inclúe lugares de referencia do casco urbano, así como a distancia e o tempo aproximado que se tarda en chegar a eles camiñando.

Alén do metrominuto, a adhesión á Rede de Cidades que Camiñan supón outros beneficios para Allariz derivados dos servizos que ofrece a propia Rede. Entre eles destacan o asesoramento técnico, a realización de actividades formativas e a difusión de boas prácticas en mobilidade urbana por parte das entidades membro desta asociación internacional.

“A incorporación á Rede de Cidades que Camiñan reafirma o compromiso do Concello de Allariz coa mobilidade urbana sostible e coa mellora da calidade de vida da veciñanza, fortalecendo un modelo de desenvolvemento urbano amable coas persoas peonais e baseado nunha perspectiva de proximidade”, explican dende o Goberno Municipal.

⚙ Configurar cookies
0.18994212150574