O Concello de Baños de Molgas celebra a mellora do cauce do Arnoia

O río Arnoia recupera parte da súa esencia ao paso por Baños de Molgas grazas á intervención recente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que levou a cabo traballos de limpeza e adecuación do cauce. A actuación consistiu principalmente na retirada de sedimentos acumulados durante anos, un problema que o Concello viña reclamando solucionar para evitar problemas de desbordamentos e deterioro ambiental.
Desde o Goberno local cualifican a intervención de “moi necesaria”, lembrando que estas tarefas permiten mellorar o estado ecolóxico do río e, ao mesmo tempo, aumentar a súa seguridade en épocas de maior caudal. “Este tipo de actuacións amosan que a colaboración entre administracións é fundamental para protexer o noso patrimonio natural e dar respostas ás necesidades do territorio”, sinalaron.
O Concello tamén expresou o seu agradecemento á Confederación Miño-Sil polo traballo realizado e insistiu en que seguirán reclamando novas melloras noutros treitos do río Arnoia. “O que precisamos é cooperación e solucións a longo prazo”, engadiron, avanzando que continuarán traballando para acadar un mantemento sostible do cauce.