O Concello de Barbadás celebra o éxito do Entroido de 2026 e asegura que seguirá apostando pola tradición

OurenseXa
O Gran Desfile converteuse na cita máis concorrida, coa participación de 32 agrupacións e preto dun milleiro de persoas
entroido-barbadas-2026
21 Feb 2026

O Concello de Barbadás fai un balance moi positivo do Entroido de 2026, despois de varias semanas de actividades, obradoiros e eventos centrados na tradición e na participación comunitaria. “Estamos moi satisfeitos da alta participación da poboación, sobre todo no Gran Desfile”, destacou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, subliñando a implicación de veciños e visitantes nas distintas citas festivas.

O goberno local reforzou a aposta por recuperar as tradicións do Entroido, como os cantos de taberna nos locais hostaleiros, que tiveron moi boa acollida por parte do público. O pregoeiro deste ano foi Xusto Calviño, un dos impulsores do Entroido de Barbadás e referente na defensa da música e cultura galegas. A Queima do Meco tamén recuperou un formato máis tradicional, con maior protagonismo das viúvas e do bispo. “Organizar as regueifas de comadres e compadres nos colexios tamén axuda a recuperar o noso Entroido e apostar polas nosas costumes”, engadiu Valcárcel, que avanzou que esta liña manterase no Entroido de 2027.

O Gran Desfile converteuse na cita máis concurrida, coa participación de 32 agrupacións e preto dun milleiro de persoas que amosaron a súa creatividade. “Foi un gusto ver a tanta xente desfrutando do desfile. Estabamos preocupados pola meteoroloxía e ao final, o tempo acompañou”, sinalou José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura.

Para garantir a seguridade, as actividades de maior afluencia contaron cun amplo dispositivo composto por 35 integrantes de Protección Civil de Barbadás, Allariz, Mancomunidade Ribeiro, Entrimo e Xunqueira de Ambía, ademais da Policía Local de Barbadás e de Ourense, a Garda Civil e unha ambulancia. “É preciso poñer en valor o traballo e esforzo de todos os participantes no dispositivo, así como agradecer a colaboración de Protección Civil doutros concellos”, destacou Daniel Rey, tenente de alcalde e concelleiro de Emerxencias.

0.082639932632446