O Concello de Barbadás esixe a retirada urxente dun poste caído na Valenzá

O goberno local de Barbadás volveu pedir a Telefónica a retirada inmediata dun poste de telefonía caído na Valenzá, cuxa situación, segundo denuncia o Concello, é cada vez máis perigosa.
A solicitude formal realizouse o pasado 16 de xuño e, segundo informa o propio Concello, tres días despois a compañía comunicou que os técnicos xa estaban avisados. Porén, case dous meses despois, o poste continúa vencido sen que se realizase ningunha intervención.
“Lamentamos a desatención por parte de Telefónica en relación a esta situación tan perigosa que pode afectar a persoas e bens”, sinala o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
O rexedor tamén avanza que o Concello valorará posibles medidas adicionais se a empresa non actúa nos vindeiros días.