O Concello de Celanova programa un mes de novembro cheo de actividades

OurenseXa
Formacións dixitais, conferencias, teatro, presentacións literarias e música encherán a vila a partir desde martes
Claustro_barroco-celanova
Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova
3 Nov 2025

O Concello de Celanova presenta unha completa programación para o mes de novembro de 2025, con actividades que combinan formación dixital, literatura, teatro, memoria histórica e música.

Desde o 4 de novembro ata o 16 de decembro, desenvolverase o curso “Aprende a usar e configurar as aplicacións máis útiles no teu día a día”, de 16:30 a 17:30 horas na Aula Cemit. Ademais, entre o 5 de novembro e o 12 de decembro, ofrecerase o curso “Competencias dixitais medias para adultos”, tamén na Aula Cemit, de 17:30 a 19:00 horas.

O venres 7, a Casa dos Poetas acollerá a conferencia “Ler o mundo en Celanova”, con Xosé María Álvarez Cáccamo recitando poemas de Celso Emilio Ferreiro e, ese mesmo día, pola mañá, haberá na Aula Cemit unha charla práctica sobre como “Solicitar a prestación por dependencia ou coidado a domicilio online”.

A programación cultural continuará o domingo 9 co teatro “Retrincos de Castelao” no Auditorio Municipal Ilduara. O xoves 13, a Casa dos Poetas acollerá a presentación do libro “O proceso. Apaga o candil” de Cándido Pazó.

A memoria histórica será protagonista o sábado 15 cunha conferencia do Comité de Memoria Histórica, e de novo o sábado 22 cunha completa xornada que incluirá presentación de libro, conferencia e mesa redonda no Auditorio Municipal Ilduara.

O domingo 23, a música tomará o protagonismo co Concerto de Santa Icía da EMBC no Auditorio Municipal Ilduara.Xa no tramo final do mes, o venres 28, presentarase na Casa dos Poetas o libro “A nación dos mil viños” de Martiño Santos, Xosé e Toño Núñez. A programación pecharase o domingo 30 coa III Gala de Premios Culturais e Deportivos Mouchiño, no Auditorio Municipal Ilduara.
Celaniiva propón así un novembro diverso e participativo, pensado para fomentar a cultura, a aprendizaxe e a convivencia veciñal en Celanova.

⚙ Configurar cookies
0.081093072891235