O Concello de Maceda organiza unha charla informativa sobre técnicas de control contra a velutina

O Concello de Maceda, en colaboración co Seaga, o Servizo Municipal de Bombeiros e o Distrito Forestal Xil-Miño-Arnoia da Consellería do Medio Rural, organiza o vindeiro 29 de maio unha charla informativa sobre a Vespa velutina. Será no salón de actos do Concello ás 16.30 horas e terá como principal obxectivo informar á veciñanza sobre técnicas de control e prevención desta vespa asiática.
Precisamente agora, durante a primavera, é cando hai que colocar as trampas para esta especie invasora, co fin de capturar as raíñas e evitar a súa propagación. Recentemente, un estudo levado a cabo desde as universidades de Vigo e Santiago de Compostela amosaba, desde unha perspectiva biolóxica, que a velutina presenta un ciclo anual con etapas moi definidas: as raíñas emerxen da hibernación nos primeiros meses do ano, comezan a formar niños e poñen ovos, dos que nacen as obreiras que manteñen e amplían o niño. En setembro xéranse machos e novas raíñas, que ao seren fecundadas convértense nas futuras fundadoras. Estas abandonan o niño e buscan refuxio para pasar o inverno, repetindo así o ciclo.