O Concello de Ourense adhírese ao convenio da Xunta, Fegamp e Seaga para a xestión da biomasa

OurenseXa
As persoas titulares de terreos nas 6 parroquias priorizadas poderán contratar os traballos a prezos reducidos
Concello de Ourense
9 Jun 2025

O Concello de Ourense adhírese un ano máis ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
En virtude deste convenio, as persoas propietarias de predios nas denominadas parroquias priorizadas de Ourense poden formalizar contratos de xestión da biomasa con Seaga a un custo reducido de 420 euros por hectárea e ano.

O Concello ten 6 parroquias priorizadas: Ourense (que abrangue diferentes zonas na contorna da cidade), Arrabaldo (Santa Cruz), Cudeiro (San Pedro), Palmés (San Mamede), Velle (Santa Marta) e Vilar de Astrés (Purísima Concepción).

As persoas titulares de terreos, ou as súas representantes, que desexen acollerse á limpieza nestas zonas poden obter toda a información que precisen sobre os predios e as superficies afectadas, e descargar o modelo de contrato, desde a páxina web do Concello, no apartado de Medio Ambiente. Tamén poden consultar a superficie afectada do seu predio nun visor público.

O Concello lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF). En caso de calquera dúbida, as persoas interesadas poden acudir á Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.14199209213257