O Concello de Ourense agarda que o servizo de autobuses urbanos supere os 7 millóns de usuarios en 2025

O número de viaxeiros do servizo de autobuses urbanos do Concello de Ourense segue aumentando, segundo indica o goberno municipal, que espera superar os 7 millóns de usuarios durante o ano 2025.
En xuño deste ano validáronse 608.816 viaxes, un 7,8 % máis que en xuño de 2024, cando houbo 564.930 validacións. O incremento é aínda maior se se compara con xuño de 2023 e 2022, con subidas relativas do 10,2 % e do 33,9 %, respectivamente.
O goberno local sinala que estas subidas “mostran o éxito do servizo de autobuses municipais: os números falan por si sós”, e atribúe este crecemento a tres motivos principais: a incorporación en 2023 dunha nova flota de 40 autobuses, dos cales 10 son eléctricos, únicos en Galicia; o feito de contar con tarifas entre as máis baixas de España; e a optimización de rutas e frecuencias, como nas liñas 5 e 6, ademais doutros axustes en catro liñas máis.
Desde o grupo de goberno agardan que a cifra de viaxeiros siga aumentando de forma significativa, “tanto polas novas liñas que se incorporarán este verán como por unha futura gratuidad ao longo de 2026, sempre que o pleno non a obstaculice”.
Finalmente, o goberno local defende que “do mesmo xeito que os clientes dunha empresa privada, a subida constante de viaxeiros é o mellor indicador do éxito do servizo de autobuses”. Segundo o goberno de Jácome, este feito “invalida as críticas da oposición nestes últimos tempos, xa que con este goberno municipal incrementáronse os usuarios respecto aos gobernos do PP, PSOE e BNG”.