O Concello de Ourense anuncia cortes e restricións de tráfico polas Festas da Ponte

O Concello de Ourense informa das restricións de tráfico que se aplicarán con motivo da celebración das Festas da Ponte, que terán lugar do xoves 24 ao sábado 26 de xullo, co obxectivo de garantir a seguridade das actividades previstas. Durante estes días, diversas rúas da cidade veranse afectadas por cortes temporais ou permanentes, tanto para acoller actuacións musicais como para permitir a instalación de atraccións ou o desenvolvemento de eventos relixiosos e festivos.
A Avenida de Santiago sufrirá cortes no tramo comprendido entre a confluencia coa Rúa Rey Soto, Ático Noguerol e a Avenida das Caldas, o xoves 24 desde as cinco da tarde, o venres 25 a partir das dúas da tarde e o sábado 26 desde as catro e media da tarde. Pola súa banda, a intersección da Rúa Vicente Risco coa Avenida de Marín permanecerá cortada o xoves 24 desde as sete da tarde para facilitar o desenvolvemento das actuacións musicais.
As rúas Basilio Álvarez e Euloxio Gómez Franqueira estarán pechadas ao tráfico de forma permanente desde o martes 22 de xullo e durante toda a duración das festas. No caso de Basilio Álvarez permitirase o acceso a garaxes e residentes, mentres que na Rúa Euloxio Gómez Franqueira o corte afectará o tramo comprendido entre a Rúa Río Arnoia, á altura da cafetería Rías Baixas, e o Centro de Saúde e a Estación Intermodal.
O venres 25 de xullo estableceranse dous dispositivos especiais de tráfico. Pola mañá, terá lugar a procesión de Santiago das Caldas, que obrigará a un corte total das rúas do seu percorrido desde as once e corenta e cinco ata a finalización do acto. O itinerario incluirá a saída pola Avenida das Caldas dirección Ponte Vella, pasando pola rúa Ramón y Cajal, Vicente Risco, Francisca Herrera, e de novo a Avenida de Santiago ata a igrexa. Pola noite, debido á celebración dos fogos artificiais, cortarase o acceso á Ponte do Milenio, Ponte do Ribeiriño, Glorieta Basilio Álvarez e Glorieta Nexus, incluíndo a entrada á N-120, a partir das once e corenta da noite.
Desde o Concello recoméndase o uso do transporte público e planificar rutas alternativas. Tamén se informa de que os cortes afectarán ao servizo de autobuses, polo que se poderá consultar información detallada no apartado de avisos habilitado para esta celebración.