O Concello de Ourense aproba a subida da tarifa da auga co voto en contra de PSOE e BNG

OurenseXa
O PP abstívose da votación, o que permitiu ao goberno municipal aprobar a subida
pleno-concello-de-ourense-recurso
19 May 2025

O Goberno municipal de Ourense logrou sacar adiante esta mañá, en sesión extraordinaria e urxente, a subida na tarifa da auga. Fíxoo, unha vez máis, grazas á abstención do PP e ante as críticas de PSOE e BNG.

O grupo municipal socialista, pola súa part, votou en contra da resolución de emendas e a aprobación inicial da ordenanza reguladora das tarifas dos servizos de auga potable, sumidoiros e depuración de augas residuais do Concello de Ourense por considerar que o documento “ten un carácter estritamente técnico” que non ten en conta as diferentes sensibilidades e situacións económicas da cidadanía e ao supoñer un incremento do 40% no prezo para a meirande parte das persoas.

“Temos que subir ou actualizar as tarifas da auga porque hai unha normativa europea, trasposta á normativa estatal e autonómica, que di que os ingresos do servizo da auga deben ser proporcionais ao que custa o mesmo. É certo, pero iso non quita que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vai a case duplicar a tarifa da auga á veciñanza”, explicou na sesión a edil do PSdeG María Fernández.

Neste senso, subliñou que o custe do servizo, segundo a documentación levada ao pleno extraordinario desta mañá para o seu debate, é de case 10 millóns de euros e o total ingresado pola Administración local para cubrilo, segundo os datos da execución orzamentaria do último trimestre de 2024, de aproximadamente 6 millóns de euros, polo que non é certo que estea a ser deficitario.

“O Concello de Ourense está pagando polo servizo preto de 3,7 millóns, máis 1,2 millóns de euros de gasto de persoal. Ata que non licitemos o contrato estamos ingresando de máis”, afirmou sobre o caos e desorde económico no que ten sumida á cidade o executivo de DO.

“Igual aos que ocupamos as cadeiras deste salón de plenos non nos afecta excesivamente a suba da tarifa da auga nos nosos recibos porque temos un soldo estable. Pero hai moita xente á que si e para a que 4 euros supón un gran esforzo”, destacou a socialista ante o que considera unha ausencia de política clara por parte do goberno local para atender ás persoas que máis o precisan.

“Cal é a política en materia de recursos hídricos de Democracia Orensana?”, preguntou continuando coa súa argumentación que incidía no excesivo carácter técnico da ordenanza e a ausencia de “empatía” coas persoas que poden atopar problemas para facer fronte a esta suba na factura. “Que vostedes soamente se lembren, despois de redactar unha ordenanza de tarifas, dunha exención que afecta a únicamente 9 persoas é grave”, insitiu.

⚙ Configurar cookies
0.17242693901062